mutua gallega

  |
Inicio

 

 

 

 

 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Integración do Réxime Especial Agrario no Réxime Xeral da Seguridade Social.


No Boletín Oficial do Estado do 23 de setembro de 2011 publicouse a Lei 28/2011, pola que se procede á integración do Réxime Especial Agrario da Seguridade Social no Réxime Xeral da Seguridade Social, que entrará en vigor o 1 de xaneiro do 2012

A Lei segue as directrices do acordo asinado o pasado 8 de marzo polo Goberno, CCOO, UGT, CEOE e Cepeme e as organizacións sectoriais Federación Agroalimentaria de CCOO, FTA-UGT, Asaja, Fepex e Comité de Xestión de Cítricos, en cumprimento dos acordos do 13 de xullo de 2006 e do 2 de febreiro de 2011 subscritos no marco do diálogo social. Ademais, representa un paso adiante no mandato do Pacto de Toledo de integración de réximes do sistema de Seguridade Social en dous grandes bloques, o de traballadores por conta allea dentro do Réxime Xeral e o de traballadores autónomos, dentro do Réxime Especial de Traballares Autónomos (Reta).

OBXECTIVOS DA LEI

a) A integración no Réxime Xeral da Seguridade Social dos traballadors por conta allea incluídos no Réxime Especial Agrario da Seguridade Social, así como dos empresarios aos que prestan os seus servizos.

b) A creación dun sistema Especial para Traballadores por Conta Allea Agrarios a través dun novo modelo de cotización e de protección

CARACTERÍSTICAS DO SISTEMA ESPECIAL PARA TRABALLADORES POR CONTA ALLEA AGRARIOS

Establécese un período transitorio de vinte anos para non prexudicar a competitividade das explotacións agrícolas.

O máis destacado

  • Intégranse os traballadores por conta allea do Réxime Especial Agrario da Seguridade Social e os empresarios aos que prestan os seus servizos, tamén incluídos neste último réxime.
  • Considérase como tales aos que desenvolven labores agrarios, sexan propiamente agrícolas, forestais ou pecuarios ou sexan complementarios ou auxiliares destes en explotacións agrarias.
  • Os traballadores estarán incluídos tanto durante os períodos en que realicen labores agrarios como durante os períodos de inactividade, sempre que realicen un mínimo de 30 xornadas reais nun período continuado de 365 días. Establécense os supostos en que estes traballadores durante os períodos de inactividade poden ser excluídos e como integrarse.
  • En atención á peculiaridade do traballo no campo dáse un prazo especial de presentación das solicitudes de alta dos traballadores cando non se poida facer antes do comezo da prestación de servizos, así o empresario poderá dar de alta ata as 12 horas do día de inicio da dita prestación.
  • Sistema de cotización. Desaparecen as bases tarifadas de cotización e cotízase conforme aos salarios aboados.
  • Distínguese entre períodos de inactividade, nos que as bases de cotización, tanto mensuais como diarias, se determinarán igual que no Réxime Xeral, e os períodos de inactividade, nos que, segundo a fórmula que se determine legalmente, os traballadores cotizarán pola base mínima do grupo 7 (o grupo máis baixo de cotización mensual) vixente en cada momento.
  • Enténdese por período de inactividade dentro dun mes natural, cando o número de xornadas reais realizadas sexa inferior ao 76,67 por cento dos días naturais en que o traballador figure incluído no Sistema Especial no dito mes.
  • Establécese a posibilidade de que os traballadores agrarios por conta allea contratados a tempo parcial coticen de forma proporcional á parte de xornada que realicen.
  • Establécese a posibilidade de actualizar cada tres anos as reducións na cotización establecidas no anteproxecto de lei mediante as futuras Leis de Orzamentos Xerais do Estado, en función da evolución do índice de prezos ao consumo experimentado en tales períodos de tempo.

  • Regras de cotización durante os períodos de actividade: A cotización poderá efectuarse, a opción do empresario, por bases diarias, en función das xornadas reais realizadas, ou por bases mensuais. Para os traballadores agrarios por conta allea con contrato indefinido ( agás os fixos discontinuos) serán obrigatorias as bases mensuais.
  • Tipos de cotización:

    1. Os tipos aplicables durante os períodos de actividade serán os seguintes:
    - Para a cotización por continxencias comúns, os tipos de cotización elevaranse gradualmente entre 2012 e 2031 ata acadar o 28,30%, do que o 23,60% será a cargo do empresario e o 4,70% a cargo do traballador. A disposición adicional segunda establece unha aplicación paulatina das bases e tipos de cotización, así como das reducións aplicables.
    - Para a cotización por continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, aplicaranse os tipos de cotización da tarifa de primas aprobada pola D.A. 4ª da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2007, sendo as primas resultantes a cargo exclusivo do empresario.
    - Tamén se cotizará pola continxencia de desemprego así como ao Fondo de Garantía Salarial e por Formación Profesional.
    - Durante as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural, así como de maternidade e paternidade causadas durante os períodos de actividade, a cotización variará en función da modalidade de contratación dos traballadores.
    - A cotización dos traballadores agrarios con contrato de traballo a tempo parcial levarase a cabo de forma proporcional á parte de xornada realizada efectivamente. Este aspecto será obxecto de desenvolvemento regulamentario.
    2. Durante os períodos de inactividade, a cotización terá carácter mensual e correrá a cargo exclusivo do traballador. O tipo de cotización aplicable será o 11,50 por cento.

  • A acción protectora: Os traballadores incluídos no Sistema Especial para Traballadores por Conta Allea Agrarios terán dereito ás prestacións da Seguridade Social nos termos e condicións establecidos no Réxime Xeral da Seguridade Social, con algunhas peculiaridades:
    1. Para o recoñecemento das correspondentes prestacións económicas será necesario que os traballadores estean ao corrente no pagamento das cotizacións correspondentes aos períodos de inactividade, de cuxo ingreso son responsables.
    2. Durante os períodos de inactividade, a acción protectora do Sistema Especial comprenderá as prestacións económicas por maternidade, paternidade, incapacidade permanente e morte e supervivencia derivadas de continxencias comúns, así como xubilación. Para o acceso á xubilación anticipada e para os efectos de acreditar o requisito do período mínimo de cotización efectiva, será necesario que, nos últimos dez anos cotizados, polo menos seis correspondan a períodos de actividade efectiva neste Sistema Especial.
    3. A cotización á Seguridade Social durante a percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo ou do subsidio por desemprego de nivel asistencial aboarase pola entidade xestora directamente á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
    Durante a percepción da prestación por desemprego, a base de cotización á Seguridade Social daqueles traballadores polos que exista obriga legal de cotizar será a establecida, con carácter xeral, na correspondente Lei de Orzamentos Xerais do Estado tanto nos supostos de extinción da relación laboral como nos de suspensión desta e de redución de xornada, calculada en función das bases correspondentes aos períodos de actividade. O 73,50% da achega do traballador á Seguridade Social correrá a cargo da entidade xestora, sendo o 26,50% restante a cargo do traballador e descontándose da contía da prestación.

Durante a percepción do subsidio por desemprego, a base de cotización á Seguridade Social será o tope mínimo de cotización vixente en cada momento no Réxime Xeral.

Descargar Lei 28/2011, do 22 de setembro

Usuarios registrados
Contacta con nosotros
Declaración Electrónica de Trabajadores Accidentados
mutua gallega 2010. Todos os dereitos reservados.