
Corporación Mutua presenta as súas liñas estratéxicas á Xunta de Galicia
(Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2011). O conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibiu esta mañá á Xunta Directiva de Corporación Mutua, a primeira agrupación de mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social constituída en España.
Durante o encontro institucional, o presidente e director corporativo da entidade, Ángel Nicolás e Heraclio Corrales, respectivamente, presentáronlle ao conselleiro de Presidencia do goberno galego as liñas estratéxicas de Corporación Mutua que, integrada por oito mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social, CESMA-MUTUA DE CEUTA E ANDALUCÍA, IBERMUTUAMUR, MAC-MUTUA DE ACCIDENTES DE CANARIAS, MC MUTUAL, MUTUA GALLEGA, MUTUALIA, SOLIMAT e UNIÓN DE MUTUAS, é o maior grupo mutual do país por rede de centros.
Corporación Mutua agrupa a estas mutuas baixo un modelo de coordinación común, pero mantén a identidade e personalidade xurídica de cada unha destas entidades respectando a diversidade organizativa e garantindo a autonomía e a capacidade de xestión de cada entidade. Deste xeito, concentra esforzos sen perder a identidade que ten cada unha das mutuas que agrupa.

Corporación Mutua na actualidade
Corporación Mutua é o primeiro grupo mutual por capacidade de servizo en España, con 324 centros propios que garanten unha cobertura xeográfica plena, xa que os traballadores protexidos por cada unha destas oito mutuas poden acudir indistintamente a calquera dos centros da Corporación, con idependencia da mutua á que pertenzan, en función da súa proximidade ou necesidades.
Así, desde a súa posta en marcha no ano 2008, a rede de centros integrada de Corporación Mutua permitiu realizar máis de 500.000 asistencias e probas recíprocas entre as mutuas partícipes cun aforro anual estimado de 2,5 millóns de euros.
Na actualidade, a Corporación protexe a máis de 3.200.000 traballadores, e ten asociadas preto de 380.000 empresas o que a sitúa como a primeira Entidade por número de empresas asociadas. Mentres que por cotizacións, a Entidade acada unha cota do 23,91% do sector.
En termos económicos, o total de cotas recadadas polo conxunto das mutuas de Corporación no exercicio 2010, ascende a 2.486 millóns de euros. Ademais, a Entidade mantén uns elevados niveis de eficiencia e solvencia que se pon de manifesto ao observar as provisións e reservas totais das que dispón a Corporación, que acadan os 1.020 millóns de euros. No tocante ao resultado conxunto das mutuas que integran a Corporación, este acadou os 205 millóns de euros, o que supón un 8,48% sobre o total de ingresos.
Corporación Mutua en Galicia
En Galicia, Corporación Mutua protexe preto de 270.000 traballadores e dispón de 25 centros propios na Comunidade, 14 dos cales son centros asistenciais.