Aprobado e publicado o Real Decreto 1541/2011, do 31 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 32/2010, do 5 de agosto de 2010, pola que se establece un sistema específico de protección por cesación de actividade dos traballadores autónomos.
O 1 de novembro de 2011, finaliza o período de carencia (12 meses de cotización) para poder solicitar a prestación por cesación de actividade, para os autónomos que empezaron a cotizar por esta cobertura en novembro de 2010, coa entrada en vigor da Lei 32/2010. O Real Decreto 1541/2011, do 31 de outubro, polo que se desenvolve a devandita lei foi publicado no BOE do 1 de novembro de 2011. Nestes momentos, as distintas Administracións implicadas na xestión desta prestación estanse a coordinar para establecer os criterios homoxéneos que faciliten a posta en marcha da prestación. Nesta web iremos informando de todas as medidas e criterios que se vaian adoptando para tal fin.
Os traballadores autónomos que en novembro de 2010, (mes no que entrou en vigor a Lei 32/2010 pola que se establece un sistema específico de protección por cesación de actividade (desemprego) dos traballadores autónomos), tivesen cuberta a prestación por continxencias profesionais e a partir de hoxe se vexan obrigados a cesar de forma involuntaria, por encontrarse nunha situación legal de cesamento de actividade (Artigo 5. da Lei 32/2010 e Artigo 3 do Real Decreto 1541/2011), poden solicitar xa a prestación por cesación de actividade na Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais coa que teñan cubertas as continxencias profesionais. (Para consultar o resto de requisitos necesarios e como solicitar a protección por cesación de actividade, clicke aquí)
A prestación por cesación de actividade comprenderá unha prestación econónomica por cesación total e involuntaria da actividade, -consistente no 70 % da base reguladora media cotizada durante os 12 meses continuados e inmediatamente anteriores ao cesamento da actividade-, e o aboamento da cotización de Seguridade Social por continxencias comúns ao réxime correspondente, durante a percepción da prestación por cesación de actividade. A duración da prestación estará en función dos períodos de cotización efectuados dentro dos 48 meses anteriores á situación legal de cesación de actividade dos que, polo menos 12, deben ser continuados e inmediatamente anteriores á devandita situación de cesación, segundo a seguinte escala.
¿Poden empezar a cobrar a prestación TODOS os AUTÓNOMOS que estean en PARO?
Non, a Lei establece, entre outros requisitos, que para ter dereito á prestación por cesación de actividade é necesario ter cuberto un período mínimo de cotización por cesación de actividade de 12 meses seguidos, polo que só a poderán solicitar e cobrar os autónomos que leven un ano cotizando pola protección por cesación de actividade.
A Lei determina que a cobertura do novo sistema é obrigatoria para todos os autónomos que teñan cuberta a protección por continxencias profesionais, antes e despois da súa entrada en vigor (o 6 de novembro de 2010). A data de inicio da obriga de cotizar pola cobertura da continxencia de cesación de actividade empezou o día 1 de novembro de 2010, xa que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social recada as cotas por meses completos, polo que só os autónomos que nesa data cotizaron polas continxencias profesionais, tamén o fixeron pola nova prestación e son os únicos que cumpren o período mínimo necesario, (ter cuberto un período mínimo de 12 meses de cotización por cesación de actividade).
Pola súa parte, os traballadores que se deran de alta no Réxime Especial de Autónomos con cobertura de continxencia profesional e cesamento de actividade a partir do mes de decembro de 2011 e os que ampliaran progresivamente a cobertura nos prazos habilitados para a devandita ampliación, irán cumprindo progresivamente o seu período de carencia (tempo mínimo necesario de cotización) para poder acceder á prestación.
¿Qué acontece no caso dos autónomos que no momento da entrada en vigor da Lei só tivesen cubertas as continxencias comúns?
Para os efectos da cobertura da prestación por cesación de actividade, para os autónomos que cando entrou en vigor a Lei non tiñan cubertas as continxencias profesionais, habilitouse en dúas ocasións un prazo especial para que puidesen optar por esta cobertura:
Unha na disposición transitoria única da Lei, que establecía un prazo especial, dentro dos 3 meses seguintes á entrada en vigor da lei (é dicir, ata o 6 de febreiro de 2011), para que puidesen ampliar tamén a súa protección e cubrir tamén as continxencias profesionais (para poder acceder á nova protección). En tal caso, a súa cobertura tería efectos dende o primeiro día do mes seguinte á súa aplicación.
Outra, na Orde TIN/490/2011, do 9 de marzo, polo que se estableceu outro prazo especial de opción para a cobertura das continxencias profesionais e a cesación de actividade dos autónomos desde o 12 de marzo ata o 30 de xuño de 2011, con efectos desde o día primeiro do mes seguinte ao que se realice a dita opción.
Polo tanto, os autónomos que ampliaron a cobertura en calquera destes prazos especiais, aínda non cotizaron o período mínimo necesario para ter dereito á protección por cesación de actividade.
Requisitos para o nacemento do dereito á protección
O dereito á protección por cesamento de actividade recoñecerase aos traballadores autónomos nos que concorran os requisitos seguintes:
- Estar afiliados e en situación de alta e ter cubertas as continxencias profesionais e a de cesamento de actividade, no Réxime Especial dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos ou no Réxime Especial dos Traballadores do Mar.
- Solicitar a baixa no réxime especial correspondente por mor do cesamento de actividade.
- Ter cuberto o período mínimo de cotización por cesamento de actividade. (12 meses continuados e inmediatamente anteriores á situación de cesamento de actividade).
- Encontrarse en situación legal de cesamento de actividade.
- Subscribir o compromiso de actividade ao que se refire o artigo 231 do Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social e acreditar activa responsabilidade para a reincorporación ao mercado de traballo a través das actividades formativas, de orientación profesional e de promoción da actividade emprendedora ás que o poida convocar o Servizo Público de Emprego da correspondente Comunidade Autónoma (ou o Instituto Social da Mariña, no caso dos traballadores do Réxime Especial de Traballadores do Mar)..
- Non ter cumprido a idade ordinaria que se esixa en cada caso para causar dereito á pensión contributiva de xubilación, agás que o traballador autónomo non tivese acreditado o período de cotización requirido para isto.
- Estar ao corrente no pagamento das cotas á Seguridade Social.
- Cando o traballador autónomo teña un ou máis traballadores ao seu cargo, será requisito previo ao cesamento de actividade o cumprimento das garantías, obrigas e procedementos regulados na lexislación laboral.
Onde e cando se solicita a protección
Se vostede é un traballador autónomo coas continxencias derivadas de accidentes de traballo e enfermidade profesional protexidas en Mutua Gallega, reúne todos os requisitos necesarios (artigo 4. da lei 32/2010) e se encontra na situación legal de cesamento de actividade (artº5 do mesmo texto legal), pode solicitar o recoñecemento do dereito á protección por cesamento de actividade en calquera centro de Mutua Gallega.
O prazo para poder solicitar o recoñecemento da situación legal de cesamento de actividade finaliza o último día do mes seguinte ao que se produciu o cesamento de actividade.
O devandito recoñecemento daralle dereito á correspondente prestación económica, a partir do mes seguinte a aquel en que se produciu o feito causante do cesamento de actividade, así como ao aboamento por parte de Mutua Gallega, durante o período que dure a prestación, da cotización de Seguridade Social do traballador autónomo por continxencias comúns.
En caso de que presente a solicitude unha vez transcorrido o prazo fixado, descontaranse do período de percepción da prestación económica os días que medien entre a data en que rematou o prazo e a data en que a presentou..
Documentación que debe presentar
Para poder solicitar a prestación de cesamento de actividade dos traballadores autónomos, debe cubrir o formulario de solicitude , e presentalo en calquera centro de Mutua Gallega xunto coa documentación que nel se indica.
Pode ampliar esta información en:

|